Martes, 30 Xaneiro 2018 10:27

Radio Bulebule

Radio Bulebule

Biblioteca Municipal – Xoves 1 de febreiro ás 17,30 horas

Paco Nogueiras presenta na Biblioteca Municipal Radio BULEBULE, o seu novo traballo despois de " Brinca vai!" (III Premio Martín Códax da Música - Infantil) que, tras a súa publicación como libro- cd- dvd deu lugar a varios espectáculos cos que o compositor e intérprete percorreu festivais, escenarios e escolas de toda Galicia.

O medio radiofónico inspira as 12 cancións deste novo libro-disco. Os temas dispóñense a modo de grella de programación dunha peculiar emisora na que non faltan sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades -tendencias, ciencia, natureza...- , música, faladoiro, noticias, información deportiva e previsión meteorolóxica. Inspirado nas ondas herztianas, entre as cancións tamén están presentes as transicións, os indicativos, os sinais horarios e outros elementos sonoros propios deste versátil medio xornalístico.

Fiel á frescura do seu estilo e á súa conexión co público infantil, o autor coida as letras das composicións e as melodías, que destacan polos ritmos modernos, pegadizos e bailables, convidando á participación do público. O colorido e a expresividade volven ser as marcas de identidade visual.

Recomendada a maiores de 5 anos


Publicado en Xoves de Conto
Visto 498 veces