Xoves, 31 Xaneiro 2019 19:12

Semana da Ciencia en Soutomaior

Semana da Ciencia en Soutomaior

O Concello de Soutomaior pon en marcha a Semana da Ciencia. Unha proposta educativa coa que se pretende espertar a curiosidade pola ciencia e difundir contidos científico - tecnolóxicos mediante accións cunha metodoloxía dinámica, experimental e lúdica que motiven a participación e interacción da poboación en xeral. Trátase dun programa municipal promovido pola Concellería de Educación no que colaboran as concellerías de Igualdade e de Xuventude xunto coa Biblioteca Municipal Luís Seoane.

Levarase a cabo desde o 8 ata o 16 de febreiro cun programa de actividades moi amplo e variado no que haberá propostas para todas as idades. 

  • Obradoiros lúdico - experimentais
  • Museo científico itinerante “Prohibido non tocar”
  • Xincanas científico tecnolóxicas
  • Divulgación científica: conferencia
  • Mesa redonda: vocacións científicas
  • Espectáculo científico: da palanca ó láser.

Unha proposta coa que tamén imos conmemorar o día internacional da nena e da muller na ciencia que se celebra o 11 de febreiro co obxectivo de acadar o acceso e a participación plena e equitativa e visibilizar as contribucións que as mulleres, fan e fixeron, durante toda a historia da humanidade nestes ámbitos. Con tal motivo, haberá un punto de lectura  que será un espazo con perspectiva de xénero dirixido a todas as idades no que atoparás lecturas moi interesantes que visibilizan o traballo realizado por moitas mulleres no ámbito da ciencia e o papel fundamental das súas aportacións para historia da humanidade. Un lugar para saber máis, para encontrarnos, para compartir curiosidades e inquedanzas, para pensar, para reflexionar, para soñar, para descansar e para gozar

Todas as actividades serán de balde, haberá que consultar horarios e lugares de realización e tamén aquelas nas que para participar cómpre anotarse previamente porque terán limitación de prazas. Toda a información xunto co programa e inscricións están na web: SEMANA DA CIENCIA EN SOUTOMAIOR

Con este programa queremos contribuír a aumentar o nivel de cultura científico-tecnolóxica da cidadanía en xeral porque a experimentación e a curiosidade, non teñen idades nin xénero, e apostar polo fomento das vocacións científicas entre a xuventude nas diferentes áreas do saber.

Queremos agradecer tamén a participación de todos os centros educativos do municipio xa que unha parte importante do programa de actividades vai dirixida específicamente ao alumnado dos centros. Tamén participará o Centro de Día Boas Apertas porque haberá actividades dirixidas á terceira idade.

Destacar tamén a colaboración de Raquel Barbosa Lorenzo que é veciña do Concello de Soutomaior e  actualmente traballa como médico especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública no Hospital Lucus Augusti (EOXI Lugo, Cervo e Monforte) ademais de ter un amplo curríxulo como investigadora, que impartirá unha conferencia o venres  8 de febreiro ás 20.00 h no Multiusos, para falar sobre "O Radon e os seus efectos sobre a saúde" tralo acto inaugural da semana da ciencia.

O sábado 16 de febreiro tamén participarán na mesa redonda "Vocacións científicas" Ana Paula Rodiño Míguez, titulada Superior Actividades Técnicas e Profesionais e Doutora no Grupo de bioloxía de agrosistemas da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, tamén participa  Xiana Alfaya que presentará o seu traballo de campo sobre Vida Microscópica realizado sobre a Escola Municipal de Horta urbana Ecolóxica e da exposición de fotografía ”A VIDA MICROSCÓPICA” e Leticia Costas de CEO de Kidcode, divulgadora científica e Consultora de Design Thinking e  Lean Startup.

 

DESCARGA O PROGRAMA:

Semana da Ciencia en Soutomaior 2019 (PROGRAMA).pdf

 


Publicado en Educación


Concellería de Educación
educacion@soutomaior.com

Actividades Semana da Ciencia

12-02-2019 / Educación

Aberto o prazo de inscrición para participar nas actividades da Semana da Ciencia, Concello de Soutomaior. Haberá actividades para todas as idades e sobre temáticas diferentes. Obradoiro a ciencia non ten idades (+ 55 anos). Obradoiro a conquista da lúa (+ de 11 anos); Obradoiro intelixencia artificial (+11 anos). Museo científico (todas as idades). Obradoiro Fire (7 a 10 anos). Obradoiro...