Despois de pasar por diferentes localidades galegas, o Multiusos de Arcade acolle desde esta mañá a mostra fotográfica “Éxodus, na procura do refuxio”, dos fotógrafos vigueses Felipe Carnotto e Adrián Irago.
A colección inaugurouse onte coa participación do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, a edil de Igualdade, Cristina González, e os deputados provinciais Digna Rivas e Javier Dios.
A mostra recolle unha selección de fotografías realizadas entre os meses de setembro e outubro de 2015 coa que os autores documentan as vivencias dos refuxiados que foxen de diferentes conflitos bélicos e tentan chegar á illa de Lesbos para atravesar despois os Balcáns e buscar un novo fogar en Europa.
A exposición poderase visitar ata o 10 de maio no horario habitual do edificio Multiusos de Arcade .