fbpx
Imprimir esta páxina
Xoves, 31 Marzo 2022 12:11

Xuventude formada e informada grazas ao Programa 'Intervención Socioeducativa': hoxe 'Divulgaciencia' e 'Ti decides'

Xuventude formada e informada grazas ao Programa 'Intervención Socioeducativa': hoxe 'Divulgaciencia' e 'Ti decides'

Esta mañá tiveron lugar dúas actividades contempladas no Programa de Intervención  Socioeducativa que se está levando a cabo entre o estudantado de Soutomaior e que conta con 6 liñas de actuación que tratan temas como o ecoloxismo, a seguridade sexual, a educación para a diversidade, o consumo de drogas ou o desenvolvemento persoal.

Así, desde primeira hora, un grupo de alumnos e alumnas do CEIP Padín Truiteiro participaron nunha sesión de ‘Aquoloxía’, dentro da iniciativa 'Divulgaciencia', que conta co apoio da FECYT e do Ministerio de Ciencia e Innovación. Foi unha divertida oportunidade para aprender máis sobre o ciclo da auga, sobre o seu uso responsable e sobre a súa importancia para o ser humano e para o medio. Neste sentido, os cativos e cativas participaron nun taller práctico no que non faltaron as risas, a pedagoxía e, como non, os experimentos científicos. Ata o CEIP achegouse a  concelleira de Educación, Fátima Vidal, quen, ademais de seguir de preto toda a actividade, dedicou unhas palabras aos e ás participantes.

 

Pola súa banda, uns minutos máis tarde, a  concelleira de  Xuventude, Noelia Ocampo, acudiu ao IES Soutomaior para dar seguimento ás charlas sobre diversidade e sexualidade que está a recibir o estudantado de ESO e Bacharelato dentro da iniciativa 'Ti decides'. Trátase dunha iniciativa que a OMIX de Soutomaior  e na que colaboran activamente os institutos de  Soutomaior  desde hai anos e que demostrou ser de gran utilidade para os mozos e mozas do  Concello. Estas charlas, impartidas por persoas expertas e profesionais  de diferentes entidades que colaboran co programa municipal como por exemplo, a asociación AMAINA ou Quérote, a Rede de asesoramento afectivo-sexual para a mocidade da Xunta, son algo habitual en boa parte dos centros educativos da Comunidade Autónoma e responden as esixencias curriculares autonómicas.

Con elas búscase derrubar os tabús que aínda envolven ao sexo e á afectivade co fin de preparar aos e ás adolescentes para que, chegado o momento, exploren de forma responsable e consciente a súa sexualidade sen medo e en igualdade desde a tolerancia e o repecto.


Publicado en Mocidade
Visto 598 veces