fbpx
Imprimir esta páxina
Xoves, 18 Xuño 2020 11:08

Programa xuvenil de actividades xullo- agosto

Programa xuvenil de actividades xullo- agosto

O Concello de Soutomaior abrirá este venres 19 de xuño o prazo de inscrición para participar nas actividades xuvenís programadas para o mes de xullo e agosto de 2020. As actividades este ano cambian o seu formato en canto a número de prazas e funcionamento para adaptarse ás condicións establecidas polas autoridades sanitarias en relación á situación derivada pola COVID-19.

Para garantir as condicións de seguridade sanitaria en todas as actividades haberá un protocolo de seguridade e unhas normas que haberá que cumprir para que todas as persoas inscritas poidan gozar destas nas mellores condicións. Entre as medidas a adoptar están a redución do número de prazas en cada grupo para garantir as distancias de seguridade,  as medidas de limpeza e desinfección, o uso individual do material, a inscrición previa en todas, a realización ó aire libre e o uso de máscara cando non se poidan manter as distancias; así como, o control por parte do monitorado de todas estas medidas no inicio, durante e ao finalizar cada actividade.

O programa de actividades inclúe unha proposta variada na que incluímos actividades formativas, actividades saudables, de lecer, de experimentación, de danza,  etc. Haberá actividades presencias pero tamén actividade en liña para que a mocidade poida ter máis facilidades para participar e adquirir hábitos formativos a través da tecnoloxía dun xeito seguro e con calidade. As actividades propostas son:

 

SINTONIZA COA TÚA MELODÍA PROFESIONAL Formación presencial (2 h)

Para descubrir a través dunha experiencia de xogo as túas habilidades e todas as oportunidades que se poden atopar no actual mundo laboral.

NOVAS PROFESIÓNS DIXITAIS. FORMACIÓN CONTINUA NA REDE Formación presencial (10 h)

Ferramentas dixitais e comunicativas demandadas polo mercado laboral e ás que podes acceder gratuitamente para trazar itinerarios profesionais e mellorar a empregabilidade.

COMO CREAR UN PODCAST. Formación en liña (10h)

Creación de publicacións dixitais periódicas en serie, en audio ou en vídeo, co fin de difundir contidos a través de internet. 

OBRADOIRO HEBECON Constrúe o teu robot de baixa tecnoloxía.  Formación mixta en liña + presencial (10 h)

A partir de material de refugallo e co movemento DIY por bandeira, este obradoiro é o cóctel perfecto de  creatividade e innovación. Achegarémonos á robótica dun xeito moi divertido e imos construír o noso “heboi”.

INICIACIÓN Ó CLOWN. Formación presencial (3 h) 

Impartido pola actriz “MARIAM BAÑOBRE”. Diríxese a persoas se achegan por primeira vez ao mundo do clown. Non fai falta ningún coñecemento previo. Neste obradoiro xógase a improvisar e aprender, rise e fanse cousas moi ridículas.

AN ENGLISH SUMMER! CONVERSAS EN INGLÉS

Conversacións en inglés mediante xogos, role play, conversación, traballo en parellas e en grupo. Todo oral. 

DANZAS URBANAS 

Un total de 9 sesións, 3 por cada tipo de modalidade, cunha duración de 1 hora cada unha, tempo suficiente para poder ter unhas nocións básicas de diferentes movementos. Impartidas por mozos e mozas expertos nas seguintes modalidades urbanas: BREAK DANCE_ POPPING_HIP HOP

PONTE EN FORMA

Aprender pasos básicos de baile e realizar exercizo aeróbico para manterse en forma.

CIENCIA DIVERTIDA

promover a creatividade e a experimentación a través da exploración e da manipulación mediante exercizos moi sinxelos que nos achegan dun xeito lúdico á ciencia e á tecnoloxía para comprender mellor o mundo que nos rodea.

EXPLORANDO A NATUREZA. Xincana Medioambiental

actividade de exploración do entorno con “pistas” para desenvolver unha xincana interpretativa e coñecer as especies invasoras e autóctonas, a biodiversidade do río e a cultura local.

 

En todas as actividades teñen preferencia as persoas empadroadas no Concello de Soutomaior.

Para todas estas actividades haberá que inscribirse previamente en https://www.gabinetesoutomaior.com/index.php/inscricions-menu/inscricions-en-lina.

Ademais, da ficha de incrición tamén haberá que enviar o modelo ANEXO 1_ DECLARACIÓN RESPONSABLE que aparece en todas as actividades.

Consultar os prazos no díptico e toda a información sobre cada unha delas.


Publicado en Mocidade
Descargar adjuntos:

_2020-3-Trimestre-BIX-Xuventude.pdf (276 Descargas)
anexo-1-declaracion-responsable-covid-19.pdf (272 Descargas)
Visto 892 veces