fbpx
Imprimir esta páxina
Luns, 08 Xullo 2019 12:54

Somos artistas 2019

Somos artistas 2019

 

Somos artistas é un proxecto impulsado pola Concellería de Xuventude do Concello de Soutomaior que se desenvolveu desde o mes de abril ata o mes de xuño de 2019 en colaboración co IES Soutomaior nas súas instalacións. O obxectivo deste proxecto foi o de iniciar unha reflexión sobre os temas que interesan á Xuventude e somerxer ao alumnado nun proxecto de participación e creación artística colectiva.

A mocidade exprésase en idiomas non verbais, baseados na súa sensibilidade. Consume unha gran cantidade de imaxes en diferentes formatos e sobre diversas temáticas nun entorno cheo de estímulos e referentes audiovisuais que lles inflúen continuamente.

A través da cultura visual a mocidade vai construíndo a súa identidade individual e colectiva por iso, tratábase de proporcionar ferramentas para que puidesen analizar e comprender as imaxes pero tamén para educar o gusto estético a partir dun enfoque participativo que implicase saltar do rol de consumidor/a ó rol de produtor/a participando nun proxecto integrador que potenciase a adquisición de habilidades comunicativas, de innovación e de creatividade nun marco educativo formal co fin de visibilizar as súas ideas, gustos e intereses e expresalos a través de pezas contemporáneas pensadas e creadas por eles e elas.

O éxito do programa radicou fundamentalmente na colaboración establecida co centro educativo e a súa implicación no proxecto, sendo a mestra Ana Aguiar a encargada de poñer en marcha na aula o proxecto co alumnado de 4º da ESO  e o alumnado de 2º de bacharelato de debuxo artístico. O proxecto executouse en varias fases: a primeira fase de aproximación estética (exposición de pezas de artistas, procura de referentes, etc.), a segunda fase de concreción da idea sobre a que se quería traballar definindo os contidos, a terceira fase de elaboración das pezas e a cuarta fase de preparación da exposición final e inauguración.

Para a execución do proxecto contamos ademais coa colaboración de dúas artistas e docentes da UVIGO cuxo papel no proxecto tamén foi fundamental porque se encargaron de asesorar e guiar ao alumnado en todas as fases e de prestar o asesoramento necesario para poder concretar o resultado final:

ITZIAR EZQUIETA, Doutora en Belas Artes, docente na área de didáctica da expresión artística e visual da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da  UVIGO e artista plástica.

BEGOÑA PAZ GARCÍA, Doutora en Belas Artes, docente da Facultade de Belas Artes e no departamento de Didácticas Especiais da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVIGO.

As pezas e os lugares:

 

NA ENTRADA, PRANTA BAIXA.

Título: In-visibles.
Compoñentes: Azahara Pardal, Desiré Narciso, María del Mar Ruiz, Iria Pardal e Nerea Miranda

“Con esta obra queremos representar a presenza de bullying, sexa no ámbito escolar ou calquera outro, facer saber que está aí xa que moitas veces "pasamos" por diante del e non o percibimos. Quixemos facer unha espiral xa que cando estás sufrindo o bullying, ves que todas

as palabras despreciables que che din xiran entorno a ti e, ademais, non tes a ninguén en quen refuxiarte e te saque desa espiral ou labirinto no que te ves somerxido. A técnica que utilizamos para facer a obra foi a anamorfose que consiste nun debuxo ou pintura que está deformada de tal modo que recupera a súa imaxe sen deformacións ao mirala dende un determinado ángulo ou ás veces a través dun espello cilíndrico ou cónico. Eliximos esta técnica porque, como dicía anteriormente, hai casos de bullying que existen e non vemos ata que estás no lugar apropiado, coma coa nosa espiral e miras con outros ollos.”

 

NO RECUNCHO QUE SE ATOPA Á MAN DEREITA, NO PRIMEIRO ANDAR.

Título: “Espellismos”
Compoñentes: María González Rodríguez, Anxo Lorenzo Alján, David Reguera Rodríguez, Andrés González Cabaleiro

“Neste caso decidimos decantarnos e falar da imaxe persoal, da imaxe distorsionada que podemos chegar a ter dun mesmo. Os comentarios, as críticas e as opinións dos demais provocan inseguridades e complexos en nós, chegando a repercutir negativamente e ter unha imaxe que non se corresponde coa  real. Isto nos provoca complexos que fan que non sexamos  capaces de vernos nun espello. A peza está feita para que ao reflectirnos nela poidamos observar como realmente somos diferentes uns dos outros e poder aceptarnos tal como somos.

Nunha parte da nosa obra os espellos son de todas as formas e tamaños, non hai un idéntico a outro, así como as persoas.”

 

NO CORREDOR CENTRAL (teito e paredes) DO PRIMEIRO ANDAR

Título: A liberdade das cores.
Compoñentes: Alejandro Boullosa, Antía Castellano, Raquel Castellano, Sofía Cuello, Brayan Lorenzo.

“O movemento LGTBI leva anos a mobilizarse, visibilizando a falta de dereitos dentro dunha sociedade que continúa a discriminar o colectivo, estigmatizando ao diferente e incluso, en ocasións, agredíndoo con diversas formas de violencia.

O noso grupo quere contribuír a eliminar estas barreiras e á aceptación da comunidade LGTBI, e para iso a nosa obra está feita dos fíos das cores da bandeira que se entrecruzan para simbolizar a unión das persoas nunha sociedade diversa, máis xusta, tolerante e sen discriminación.”

 

CRISTALEIRA NO CORREDOR DO PRIMEIRO ANDAR

Título: A nosa terra
Compoñentes: Marta Reguera, Judith Domínguez, Anxo Martínez, Noa da Silva, Raúl Sánchez, Sabela Campo e Ainoa Martínez

“A nosa peza inspírase nun dos elementos máis característicos da nosa paisaxe: A AUGA. Vista dende as súas múltiples formas. Decidimos situala nun lugar amplo e luminoso e para iso a cristaleira pareceunos o marco idóneo. Esta composición, referida a Galicia, consta de tres partes:

A primeira comprende o cristal da esquerda, onde colocamos o nome das distintas formas de nomear a chuvia que hai na nosa terra. A razón da súa colocación ou da tipografía das palabras simula este motivo meteorolóxico.

O segundo e terceiro cristal vai plasmar a auga, mar e océanos que arrodean as nosas costas, cunha composición feita en vinilo de cores azuis que procuran crear diferentes efectos luminosos tanto dentro coma fóra do cristal.

Como terceira e última idea, no cuarto cristal colocaremos os nomes de lugares e paraxes galegas, elixidos entre os compañeiros de diferentes cursos, que nos vinculan coa nosa terra e que son espazos máxicos, senlleiros e cunha fonda carga simbólica.

 

PORTA DE CRISTAL AO FINAL DO CORREDOR, PRIMEIRO ANDAR

Título: Está na nosa natureza.
Compoñentes: Paula Canosa Álvarez, Sabela Lorenzo Galiñanes, Hugo Lorenzo San José, Lola Barros Reguera.

“ Nesta peza empregamos a mensaxe “Está na nosa natureza” co fin de visibilizar e normalizar a diversidade afectivo-sexual, xa que tamén a atopamos nas escolas e moitas veces non está todo o normalizado que debería. Hai momentos nos que a frase non se reflicte pero que vaia cambiando segundo a luz que haxa nese instante parécenos interesante. Eliximos o tema da diversidade para contribuír a concienciar que hai moitas formas de amor e que todas están ben.”


Publicado en Mocidade
Descargar adjuntos:

a-nosa-terra-web.gif (249 Descargas)
espellismos-web.gif (218 Descargas)
esta-na-nosa-natureza-web.gif (237 Descargas)
In---visibles-web.gif (216 Descargas)
liberdade-das-cores-web.gif (250 Descargas)
Visto 1123 veces