fbpx
Imprimir esta páxina
Mércores, 23 Marzo 2022 11:33

Talo Río terá un novo parque infantil moderno e atractivo

Talo Río terá un novo parque infantil moderno e atractivo

Xa está preparada a reforma do parque de Talo Río.
Continuando coa aposta polo desenvolvemento activo e saudable dos mozos do  Concello, púxose en marcha o proxecto que pretende renovar por completo o parque infantil de Talo Río.
Trátase dunha iniciativa ambiciosa que fará as delicias dos máis pequenos e que perdurará para as próximas xeracións grazas á calidade dos materiais utilizados e a modernidade das instalacións.
O parque está pensado para nenos e nenas dos 6 aos 12 anos e contará con todo tipo de  divertimentos adaptados ás diferentes fases vitais dos cativos. Ademais, para os pais, avós, tíos e demais acompañantes instalaranse dúas zonas de descanso con espazo suficiente para que todos poidan estar atentos aos xogos e piruetas dos protagonistas.
Así, para os máis novos, o parque contará cun  areeiro; unha zona con relevos, para que os nenos poidan rodar e trepar; unha zona de xogos de equilibrio e ata unha cama elástica para que gasten toda a súa enerxía entre salto e salto.
Pola súa banda, a zona de xogos para os máis maiores estará formada por unha instalación múltiple de gran altura que integra tobogáns, elementos de escalada e de deslizamento.
Cada zona foi pensada tendo en conta as necesidades dos nenos de diferentes idades. Desde a promoción da creatividade nos máis pequenos, ata o desenvolvemento das habilidades físicas e a procura de novas aventuras dos máis maiores. Ademais, o novo parque está exposto de forma a favorecer os xogos en grupo, a convivencia e a socialización dos nenos e nenas. Desde o  Concello asumiron esta socialización como algo fundamental desde o inicio do proxecto, co obxectivo de paliar os efectos da desconexión social que todos vivimos desde que irrompesen nas nosas vidas as redes sociais.
A obra fará necesario recolocar e restaurar algúns bancos e papeleiras da zona, de modo a adaptalas á nova estrutura do parque infantil. Ademais, apostarase por crear un espazo máis natural, coa instalación de nova vexetación na zona.
Cabe destacar que, a fin de protexer aos cativos e separalos da estrada, e para cumprir coa normativa vixente, o parque estará dotado dunha varanda que delimite a zona de xogos.


Publicado en Vias e Obras
Visto 601 veces