fbpx
Imprimir esta páxina
Venres, 11 Marzo 2022 10:54

XX Certame da Camelia

XX Certame da Camelia

A XX edición do Certame da Camelia celébrase esta fin de semana 12 e 13 de marzo.

 O Castelo de Soutomaior, coa súa gran colección de exemplares desta olorosa e apreciada flor, converterase un ano máis no escenario perfecto para un festival referencia.

Máis de 25 expositores xa teñen confirmada a súa asistencia ademais das composicións florais que se poderán gozar en diversos escaparates en Arcade e Soutomaior.

Máis de cen metros cadrados de composicións florais coas variedades máis buscadas encherán a carpa no Castelo de Soutomaior.

Este ano a mostra contará con máis de 20 expositores locais e 25 doutros municipios como Salceda ou Santiago, superando así as 45 composicións florais e confirmando o éxito de participación desta edición.

Os alumnos dos colexios Santiago Apostol, Padín Truiteiro e a Escola de Romariz de Soutomaior tamén competirán este ano coas súas exposicións coa beleza e orixinalidade cos escaparates de varios comercios locais, adornados con esta fermosa flor típica de Galicia.

O Certame da Camelia é un dos fins de semana máis esperados do ano para os afeccionados á xardinería e a floricultura ao que tradicionalmente asisten máis de mil persoas. A exposición poderase visitar a partir do sábado pola tarde de 16,30 a 20,00 horas  e durante toda a xornada do domingo (11,00 a 13,30 h e 16,00 a 19,00 h) e constitúe unha magnífica oportunidade para gozar dos xardíns de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior.

O xurado está formado por membros da Asociación Española da Camelia e o seu fallo e a entrega de premios terá lugar ás 18:30 horas do domingo. Esta edición conta con varias clases de premios. As categorías da mellor Flor, a Mellor Composición Artística e o Mellor Traballo Escolar contarán con trofeos para as tres mellores propostas.

Ademais haberá premios para os dous mellores concursantes nas disciplinas de Mellor Flor en Escaparate e Mellor Composición Artística en Escaparate e o Premio Especial Lelita Gradín, en honra á creadora orixinal do certame.

 


Publicado en Certame da Camelia
Visto 888 veces