fbpx
Imprimir esta páxina
Venres, 17 Xaneiro 2020 12:39

XIII edición do certame literario “ Verbas para…comunicar”

XIII edición do  certame literario “ Verbas para…comunicar”

Un ano máis, e xa  van trece, as mellores plumas novas de Soutomaior teñen ocasión de mostrar a súa valía no certame literario “ Verbas para…comunicar”. Organizado pola Concellería de Xuventude do Concello de Soutomaior, e con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, este certame pretende potenciar o uso da lingua galega, o seu gran valor literario e reafirmar a súa expresión como lingua próxima, útil e moderna.

Ata o próximo 8 de maio, os mozos e mozas menores de 20 anos empadroados/as no Concello de Soutomaior poderán presentar unhas propostas que poderán presentarse en dous formatos, pezas redactadas e audiovisuais. As obras presentadas a certame valoraranse tendo en conta a idade dos/as autores/as e en función da súa calidade, presentación, orixinalidade, riqueza de vocabulario e grao de elaboración. Entre os principais obxectivos do certame é a intención de favorecer a participación da mocidade na creación de pezas orixinais que expresen e comuniquen o que a mocidade sente, pensa e quere transmitir ao mundo.

Os traballos deberán facerse chegar ás oficinas da OMIX, no edificio Multiusos de Arcade, antes das 20:00 horas do 7 de maio. A entrega farase en sobre pechado de maneira individual ou en grupo a través dos centros escolares colaboradores. É de vital importancia que todas as obras conten cos datos persoais dos/as autores/as (nome e apelidos, idade e categoría, lugar de residencia e teléfono de contacto) nun folio separado do traballo presentado para garantir o anonimato do mesmo durante todo o proceso de valoración.

As bases do concurso atópanse na web do Concello de Soutomaior, na sección da Concellería de Xuventude, para que poidan ser consultadas por toddas as persoas interesadas. Ao finalizar o certame, neste mesmo portal dixital, expoñeranse as obras premiadas nas distintas categorías como recoñecemento público aos novos escritores e escritoras do Concello de Soutomaior. A entrega de premios realizarase o Día das Letras Galegas nos colexios do municipio e a continuación procederase á lectura pública dos textos premiados ademais de realizar un sorteo entre o alumnado  participante.


Publicado en Verbas para comunicar
Visto 1126 veces