Martes, 29 Setembro 2015 09:52

Clubs de Lectura – Biblioteca Municipal

Clubs de Lectura – Biblioteca Municipal

Os clubs de lectura da Biblioteca Municipal de Soutomaior en Arcade volven á actividade despois do verán. Trátase dunha iniciativa cultural que pretende fomentar e desenvolver valores como a tolerancia, o respecto á palabra e ás ideas mediante a lectura e o debate literario. Os membros de cada club reúnense dúas veces ao mes ao redor dun libro cuxo título se acordou con anterioridade para compartir as ideas, sensacións e opinións que xorden ao redor do texto seleccionado co resto dos compañeiros, e mesmo se é posible, co propio autor. Para o Club de lectura en Inglés propúxose a obra “All creatures greart and small”, de James Herriot. Este grupo reúnese sempre os xoves, a partir das 19:00 horas, cada dúas semanas, e comeza o 1 de outubro co primeiro encontro coa coordinadora. No caso do Club de lectura en Francés, coordinado por Isabelle Nowak, as reunións celébranse o primeiro e terceiro luns de cada mes, ás 19:00 horas. O libro proposto para este primeiro ciclo “Et se c’etait vrai”, de Marc Levy. Este club arrinca o luns 5 de outubro. Por último, para o club de Lectura en castelán/galego seleccionouse a obra “El adversario”, de Emmanuel Carrére. Os libros repartiranse a partir do 28 de setembro. Este grupo, dirixido por Eva Rodríguez, alterna mensualmente o idioma e reúnese o último mércores de cada mes ás 18:30 horas. Hai 15 prazas dispoñibles por club e é necesario inscribirse previamente para poder asistir. Cada club está coordinado por un experto na materia con moitos anos de experiencia e que ademais o fan en réxime de voluntariado. No caso das linguas estranxeiras, debido á complexidade dos textos propostos, aconséllase dispoñer dun nivel intermedio-alto no idioma seleccionado. Un dos clubs que mellor acollida está a ter, en parte porque a é das poucas bibliotecas que o organiza en Galicia, é o de Lectura Fácil. Os destinatarios do club son persoas en fase de aprendizaxe do idioma, discapacitados, novos, persoas maiores de baixa escolarización e en xeral a todas aquelas que en xeral desexen gañar fluidez na práctica do castelán ademais de mellorar as súas capacidades lectoras e de expresión oral. Os encontros durante este curso realizaranse os martes alternos, de 11 a 12 horas na primeira planta da biblioteca, comezando polo próximo 6 de outubro para o que se seleccionou a obra “As aventuras de Tom Sawyer”, de Mark Twain.


Publicado en Club de Lectura
Visto 1446 veces

Club de Lectura