fbpx
Imprimir esta páxina
Xoves, 26 Outubro 2017 13:00

O valor da reciclaxe

O valor da reciclaxe

Ata 220 alumnos de 1º e 2º da ESO procedentes de varios centros escolares do Concello de Soutomaior participaron esta mañá nunha serie de charlas sobre reciclaxe e compostaxe no multiusos de Arcade. A iniciativa forma parte do plan municipal de promoción de reciclaxe e pretende infundir entre os máis pequenos valores ecolóxicos ademais de mostrarlles a necesidade de establecer hábitos responsables co medio ambiente.

Baixo o título “Apúntate á compostaxe”, a charla abordou a necesidade e os beneficios da reciclaxe a nivel particular. Mediante sinxelos exemplos e xogos, os pequenos aprenderon como separar os residuos, cales son os colectores adecuados para cada clase e hábitos responsables co medio ambiente ejemplarizados coa mnemotecnia de “As tres erres”: reducir, reutilizar e reciclar.

“O medio ambiente é unha prioridade, e o seu coidado é unha tarefa que hai que afrontar desde moitas frontes. Con estas iniciativas actuamos a través da educación, que é a mellor solución para o futuro, pero o noso traballo é moito máis amplo”, afirmou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, que engadiu que “para coidar o medio ambiente melloramos todos os anos a nosa rede de iluminación pública con tecnoloxía led, repartimos composteiras particulares para fomentar a reciclaxe entre os veciños do rural, creamos o horto urbano ecolóxico e impulsamos a composteira comunitaria para concienciar aos veciños do centro urbano de Arcade”

Ao finalizar a charla, cada alumno recibiu unha bolsa cun agasallo ecolóxico que permita lembrar esta charla aos pequenos, unha planta que poderán coidar e manter como mostra do seu compromiso co medio ambiente. Ademais, para axudalos no coidado da súa planta, os pequenos tamén recibiron unha bolsa cun pouco do primeiro compost obtido na composteira comunitaria de Arcade, un abono 100% orgánico co que poderán ver de maneira real os beneficios da reciclaxe.


Publicado en Medio Ambiente
Visto 1915 veces