fbpx
Imprimir esta páxina
Xoves, 26 Outubro 2017 12:55

Recuperar os nosos montes

Recuperar os nosos montes

O Concello de Soutomaior comezou a planificar a recuperación do monte queimado durante o incendio que arrasou máis de 35.000 hectáreas en toda a provincia fai dez días. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Ramón Fernández, e o representante do Servizo de Incendios Forestais da Xunta de Galicia, Manuel Francisco, reuniuse na tarde de onte cos representantes das comunidades de montes afectadas, Moreira, Cortellas, Lourido, Aranza, Val Sobral e Silvoso,para avaliar o estado actual e planificar as futuras accións de recuperación.

O encontro virou ao redor de tres aspectos principais, a valoración da situación actual da superficie queimada, cales serán os protocolos por seguir nestes momentos e como se afrontará a recuperación dos montes comunais.

Agora mesmo estanse  realizando sobre voos, calculando a cantidade de monte raso e arboledo que queda e establecendo unha situación global para empezar a tomar decisións sobre cal é a mellor forma de actuar en cada caso, afirmou o representante da Xunta de Galicia.

Neste apartado tamén se sinalou a importancia da necesidade de localizar os puntos de auga que se poidan ver afectados polo arrastre que as próximas choivas poidan realizar sobre o chan erosionado e a cinza.

Ademais, segundo indicou o representante do servizo de incendios autonómico, “limparanse todos os montes mecanicamente para retirar os restos de madeira queimada, independentemente do convenio de cada comunidade coa Xunta de Galicia”.

Por último, a reunión finalizou cunha descrición das medidas e procedementos que se establecerán nas próximas semanas para a recuperación da área forestal perdida durante os incendios. Neste sentido informouse as comunidades de montes sobre as axudas que a Xunta de Galicia publicou a pasada semana no boletín oficial e que se poderán solicitar de forma inminente. “Posiblemente, entre esta semana e a seguinte, publicarase o procedemento para cada tipo de axuda”, afirmou o Alcalde


Publicado en Medio Ambiente
Visto 2416 veces