fbpx
Imprimir esta páxina
Mércores, 27 Setembro 2017 13:53

Un plan municipal para evitar a súa expansión

Loita contra a avispa velutina

Un operario municipal retira un niño da avispa asiática Un operario municipal retira un niño da avispa asiática / Foto: Concello Soutomaior

Despois de retirar 125 niños de avispa velutina durante a primeira fase, o Concello de Soutomaior acaba de poñer en marcha a segunda parte do seu programa de protección contra a avispa asiática. Unha etapa na que o obxectivo é controlar a proliferación de avispas obreiras na tempada na que intensifican o seu ataque ás colmeas. Para iso o equipo de goberno do Concello de Soutomaior destinou a este programa máis de 4.000 euros destinados a evitar, na medida do posible, a proliferación de niños ademais de mellorar o equipamento dos traballadores municipais que se encargan de retirar os que se van descubrindo.

O plan municipal para a contención da avispa asiática busca evitar a expansión deste insecto mediante a colocación de trampas para a captura de exemplares ademais da retirada directa dos niños que se vaian localizando. Para iso, o Concello adquiriu o pasado mes de maio pértegas e novos traxes de protección especiais. Ata o momento, e grazas á colaboración do persoal de Tragsa, enviado pola Xunta de Galicia, e diversos grupos de voluntarios, retiráronse 125 niños de maneira directa.

Ademais, e para expandir o alcance da campaña por todo o municipio, o Concello repartiu durante estes meses máis de 100 trampas, 250 botes de líquido atrayente e máis de 50 unidades de espráis anti niños entre os veciños de diversos barrios, especialmente os situados na contorna rural.


Publicado en Medio Ambiente
Visto 2157 veces

Medios