fbpx
Imprimir esta páxina
Venres, 26 Marzo 2021 09:26

O Concello de Soutomaior aproba o seu plan contra incendios

O Concello de Soutomaior aproba o seu plan contra incendios

O pleno municipal do Concello de Soutomaior aprobou onte o novo Plan de Municipal de Prevención contra Incendios Forestais. O documento, que contou co apoio unánime de toda a corporación, foi elaborado de maneira conxunta entre os técnicos municipais e Seaga no marco do convenio que a empresa ten coa Xunta de Galicia, e ao que está adherido o Concello de Soutomaior.

O plan concreta unha serie de accións sobre o territorio municipal para organizar a xestión da biomasa en zonas estratéxicas, especialmente nas declaradas de alto risco, para previr a propagación dos incendios forestais. Ademais, implica o tratamento das áreas forestais segundo un esquema de intervención baseado en modelos silvícolas previamente establecidas.

Un dos grandes beneficios deste documento é a creación e delimitación das franxas de protección antiincendios en todos os núcleos de poboación do municipio. O plan recolle que estas franxas deben ter unha lonxitude mínima de 50 metros e non pode albergar especies como o eucalipto, a acacia e o piñeiro. Ata o momento, o consistorio xa xestionou un total de 1100 convenios con veciños para realizar a limpeza subvencionada das súas propiedades nestas franxas de protección, o que representa un total de 73,48 hectáreas de superficie libre de maleza e de árbores capaces de resistir ao lume.

Actualización dos bens e inmobles municipais

Do mesmo xeito, e tamén por unanimidade, o pleno municipal tamén deu o visto e prace á actualización do Inventario Municipal de Bens e Inmobles. Un documento que dotará ao Concello dun instrumento útil para a mellora da xestión do patrimonio local e ofrecerá unha ferramenta vital para a política urbanística que permitirá axilizar substancialmente a maioría dos trámites.

A correcta actualización do patrimonio municipal permite definir os recursos públicos dos que dispón o Concello e as necesidades de actuación sobre o conxunto de bens que son propiedade de todos os veciños do Concello. O documento recolle os vehículos, solares, bens patrimoniais, parques, xardíns, edificacións docentes e instalacións deportivas entre outros conceptos.


Publicado en Medio Ambiente
Visto 667 veces