fbpx
Imprimir esta páxina
Luns, 16 Decembro 2019 10:42

Programa educativo de Brigadas Ecolóxicas Xuvenís

Programa educativo de Brigadas Ecolóxicas Xuvenís

O Concello de Soutomaior presentou ante case 80 alumnos de 1º da ESO o seu programa educativo “Brigadas Ecolóxicas”. Un proxecto realizado coa colaboración do Departamento de Bioloxía do IES Soutomaior que ten como obxectivo fomentar a concienciación ambiental entre o alumnado do centro a través diversas accións e iniciativas.

 Ademais, o Concello colaborará achegando novos materiais de reciclaxe para formar, xunto ao composteiro instalado recentemente, unha illa completa de recollida selectiva de residuos para o uso exclusivo do centro.

O programa de “Brigadas Ecolóxicas” comezou coa primeira charla dirixida aos alumnos de 1º da ESO. Nela expuxéronse conceptos básicos sobre as casusas do cambio climático e organizouse un pequeno xogo no que grupos de alumnos expoñían as accións que se poden levar a cabo para combatelo. Ao finalizar, explicáronse as seguintes fases do proxecto e animouse aos alumnos para participar nas seguintes actividades.

A seguinte fase do programa desenvolverase o 26 deste mes no Multiusos de Arcade. Trátase dun taller creativo no que os alumnos darán vida aos residuos máis habituais nun centro educativo confeccionando traxes e disfraces, humanizando os restos e reforzando a reflexión sobre a orixe e o uso que as persoas damos a eses desperdicios

 Por último, a partir do 20 de xaneiro, os brigadistas ecolóxicos comezarán a actuar no IES Soutomaior. A través de campañas de concienciación entre os seus compañeiros, repartición de bolsas de papel na cafetería do centro e outras actividades, os alumnos poñerán en relevancia o impacto ambiental do seu centro educativo e fomentarán medidas para reducilo.


 


Publicado en Medio Ambiente
Visto 803 veces