fbpx
Imprimir esta páxina
Luns, 18 Xuño 2018 12:26

Programa Municipal de Recuperación do Patrimonio (Lavadoiros Conviña e Viñó)

Programa Municipal de Recuperación do Patrimonio (Lavadoiros Conviña e Viñó)

O Concello de Soutomaior acaba de finalizar os traballos que estaba a levar a cabo nos lavadoiros de Viñó e a Conviña no barrio de Lourido

A posta en servizo destes dous lavadoiros terá lugar en próximo venres día 22 a partir das 20,30 horas coa actuación do grupo “A Troula de Soutomaior”

A actuación está enmarcada no Programa Municipal de Recuperación do Patrimonio e ten como obxectivo recuperar antigas zonas de uso colectivo, como as fontes e lavadoiros, para darlles unha nova vida.

Estes puntos servían tradicionalmente como lugar de encontro entre os veciñ@s, nos que ademais de lavar a roupa compartíanse experiencias e fortalecíase a comunidade. Para manter viva a esencia destes lugares, o lavadoiro recuperouse con materiais nobres e autóctonos, como o granito e a madeira, para garantir a súa integración no contorno.

Ademais de dar unha nova cara a todo o conxunto mediante unha limpeza e rexuntado de toda a mampostería perimetral, o chan de todo o recinto renovouse ao completo cun solado de pedra graníticade 3cm de espesor sobre o que se instalaron os elementos de seguridade, como varandas e unha nova cancela abatible que peche o conxunto. Do mesmo xeito, construíuse unha nova cuberta de tella cerámica tradicional e recuperouse por completo a zona da balsa de auga cun chapado de pedra.

Por último, tamén se renovou a instalación eléctrica de todo o conxunto mediante unha rede protexida e estanca que alimenta a nova pantalla led de baixo consumo.

Posteriormente e a partir das 21,15 h. terá lugar na Casa do Pobo de Lourido un concerto de música tradicional coa actuación do grupo “ Airiños da Peneda”


Publicado en Medio Ambiente
Visto 1496 veces