fbpx
Imprimir esta páxina
Mércores, 22 Xaneiro 2020 09:34

Mural homenaxe ás mulleres do mar

Mural homenaxe ás mulleres do mar

A entrada de Arcade conta desde esta semana cunha nova homenaxe á figura das mulleres do mar, un mural de máis de 100 metros cadrados dedicado a unha veciña do municipio, “Carmen, a muller bivalvo”. A obra foi pintada polo artista Yoseba Muruzabal con motivo do Día Internacional da Muller Rural, celebrado recentemente pola Concellería de Igualdade do Concello de Soutomaior, que financiou o mural cofinanciado coa Deputación de Pontevedra.

O novo mural está situado na medianeira dun dos primeiros edificios de Arcade, chegando desde Pontevedra, e foi pintado para poñer en valor a figura das mulleres nun dos oficios artesanais máis tradicionais e de maior importancia para a economía local, o marisqueo.

A protagonista, unha veciña de 96 anos, foi elixida a proposta da confraría para encarnar esta homenaxe. Así, Carmen, co seu cesto de ameixas na cabeza e descansando os seus pés sobre unha cuncha de vieira, ve como se lle recoñece toda unha vida de traballo e convértese nunha das “ super avoas” que o artista encarna na súa colección de “Fenómenos do Rural”.

Carmen viviu toda a vida pendente do devir das mareas. Antes de que estalase a guerra civil estaba a recoller ameixas, tiña 11 anos e acompañaba á súa nai. Descalza e sen neopreno, son moitas as zambullidas que se deu na ría ao longo da súa vida a pesar de non saber nadar.

 Exposición no Multiusos de Arcade:

 Ademais, e como complemento desta nova obra, o multiusos de Arcade acolle durante este mes a exposición “Fenómenos do Rural” na que, ademais de varios cadros inspirados nas “heroínas galegas”, o artista presenta nun documental os testemuños e historias de moitas das protagonistas das súas obras. Segundo indica o propio autor, a mostra recolle unha serie de retratos de “mulleres en mandilón con súper poderes” co obxectivo de dar testemuño do valor do traballo destas mulleres e a relevancia que teñen na súa contorna.


Publicado en 8M (Igualdade)
Visto 1276 veces