O ciclo constaba de 818 horas lectivas e acredita un Certificado de Profesionalidade de Nivel 2.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, acompañado da edil, Dolores Cernadas, clausurou onte o Curso de Actividades Administrativas en Relación co Cliente que impartía o Concello desde o pasado mes de xullo.
Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro do plan de Accións Formativas para Desempregados (AFD) da Xunta de Galicia, financiada pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo en colaboración co Concello de Soutomaior, e que acredita un Certificado de Profesionalidade de Nivel 2, necesario para traballar en multitude de empresas e administracións públicas.
O ciclo, de 818 horas lectivas, desenvolveuse no Multiusos de Arcade coa intención de formar a un total de 15 alumnos.
O curso contaba con diversos módulos enfocados a mellorar as calidades administrativas e comerciais dos participantes. Entre eles atopábanse o de Atención ao Cliente no proceso Comercial. Gravación de Datos, Xestión de Arquivos, Ofimática e Lingua estranxeira profesional, ademais dunha fase práctica de 120 horas na que os alumnos realizaron prácticas profesionais en empresas de toda a comarca.
Durante a entrega de diplomas, o alcalde destacou a importancia de contar cunha boa formación “á hora de integrarse nun mercado laboral moi competitivo”, e anunciou que, por parte do Concello de Soutomaior, solicitaranse novos cursos para “continuar ofrecendo a todos os veciños a oportunidade de ampliar os seus coñecementos e especialización de maneira que poidan mellorar a súa cualificación profesional e facilitar a súa inserción laboral”.
O obxectivo deste ciclo non é outro que o de desenvolver políticas que xeren emprego cunha dimensión local ademais de supoñer unha mellora nas condicións de emprego dos alumnos grazas á súa formación teórica e a súa gran especialización profesional, ao ser un programa enfocado fundamentalmente aos coñecementos prácticos.