fbpx
Imprimir esta páxina
Xoves, 25 Marzo 2021 18:04

Efecto Dominó. Proxecto Ríos Concello de Soutomaior

Efecto Dominó. Proxecto Ríos Concello de Soutomaior

Aproveitando que o 22 de marzo é unha data tan significativa pois é o día escollido para conmemorar o Día Mundial da Auga iniciamos a campaña "Efecto Dominó, entre ríos" impulsada polas Concellerías de Educación e Medio Ambiente do Concello de Soutomaior dirixida a alumnado de 6º de primaria  e 1º da ESO que participarán no deseño dos contidos do material divulgativo e didáctico elaborado para traballar os valores ambientais dos espazos naturais das beiras do río Verdugo e Oitavén.  Participar no proxecto implica que recuperen boas prácticas ambientais, poñer en valor os recursos medio ambientais e ser axentes sensibilizadores para chegar ao maior número de persoas.  Por tanto, engloba actividades de sensibilización ambiental vinculas ás  diferentes áreas de coñecemento, a competencias concretas e á educación en valores.O proxecto está organizado en varias fases:

FASE 1_Deseño e elaboración do Dossier divulgativo "A carón dos ríos Oitavén e Verdugo".

O obxectivo principal desta acción será elaborar e editar un dossier en formato caderno de campo cuxa función será a divulgación e o seu uso como recurso didáctico en aula servindo de apoio sirva de material de apoio para aque o alumnado poida elaborar a campaña de boas prácticas e de sensibilización. Para focalizar a acción no territorio e que teña un maior impacto na labor de sensibilización tomaremos como referencia os ríos Oitaven e Verdugo ao seu paso polo Concello de Soutomaior. Observamos a necesidade de actuar neste medio natural debido á forte presión exercida pola afluencia de visitantes cada ano maior que acoden ás zonas de recreo que están ás beiras destes ríos fundamentalmente nas tempadas de primavera e verán nas que a acumulación de xente deixa unha pegada contaminante moi alta debido ao abandono de residuos en zonas e puntos clave.Consideramos importante implicar á comunidade educativa para educar desde as idades máis temperás e facelos partícipes para que coñezan os recursos que os rodean, para que participan nas iniciativas de sensibilización e para que a súa implicación na conservación sexa maior facendo que eles e elas asuman a responsabilidade de transmitir estes valores a outras persoas.

FASE 2_ "Artistas de río, no efecto dominó"

Esta fase iníciase coa colocación dos paneis por parte do Concello nos lugares decididos previamente tendo en conta as temáticas a abordar e as necesidades específicas de cada zona tendo en conta a degradación e usos da mesma. Estes paneis estarán colocalos desde o mes de xuño de 2021.

Recoñecemento do terreo "Artistas de río". O alumnado visitará a zona intervida ó longo dunha xornada para que cada grupo seguindo unha metodoloxía de xincana poida visualizar o resultado do seu centro e tamén coñecer o do outro centro.

Os contidos da xincana para conseguir o obxectivo da campaña de sensibilización irán na liña de recoñecer o medio dun xeito práctico e didáctico, para reforzar e mesturar a teoría de aula coa práctica de campo.

-          Sensibilizar sobre necesidade de manter a natureza limpa, reducir e reciclar. 

-          Fomentar a participación comunitaria e o voluntariado medio ambiental. 

Percorrerán un itinerario en pequenos grupos nos que seguirán unha serie de pistas nas que descubrirán mediante a realización de pequenas misións os valores do río e que estarán colocadas xunto cada panel no que se incluirá un QR coa información ampliada. A misión implicará actividades de observación, de escoita e de posta en marcha doutros sentidos, de identificación, de recollida de lixo, falar de diferentes opcións a non tirar ese lixo onde estaba. Abordando temas como o consumismo, produtos alternativos, envoltorios innecesarios, etc. Utilizaremos para a actividade, lupas, prismáticos, guías, guías e fotografías antigas para ver o desenvolvemento da zona a súa recuperación ou deterioro, segundo corresponda de cada enclave. Contabilizaremos por medio de reloxos intelixentes ou móbiles, o percorrido feito, número de pasos, distancia conseguida e calorías gastadas a modo de reflexión sobre os beneficios de camiñar e facer exercicio na natureza. Despedir a actividade cunha conclusión ambiental sobre o realizado durante a xornada e o impacto xeral da actividade.

Este mércores 23  e ese xoves 24 de abril tiveron lugar as primeiras charlas no Colexio Santiago Apostol e no IES Soutomaior respectivamente. Durante a actividade dúas educadoras ambientais utilizando unha metodoloxía lúdica e participativa traballaron os contidos básicos sobre o río no tocante a flora e fauna, tipos de especies, procedencia, malas prácticas, etc. co fin de continuar agora o traballo de aula ata o vindeira sesión que xa será o traballo de campo específico mediante os roteiros que están programados para o mes de abril e maio co fin de que o alumnado se desprace ata o río e continúe con esta formación sobre o territorio.  Desde o Concello queremos agradecer a implicación dos centros educativos e do profesorado co proxecto e tamén dos Axentes da Consellería de Medio Ambiente asignados á supervisión desta zona polo seu apoio técnico e a súa colaboración. 

 

 

 


Visto 554 veces