Este ano o festexo do Día de Rosalía adiántase ao 23 de febreiro. Esta foi a data acordada pola Fundación Rosalía e polas principais institucións implicadas tras basearse nos resultados do traballo da investigadora Sagrario Abilleira, no que se acredita que este foi o día de nacemento da autora. Soutomaior súmase a este festexo con dúas accións que terán lugar durante a semana que ven.
A partir do do luns 21 de febreiro en Talo Río colocarase un Photocall específico para poder tirar fotos e conmemorar este día tan especial.
O venres 25 de febreiro ás 20 :00 h no Multiúsos (Arcade) poderemos gozar do espectáculo musical "A meniña gaiteira" no que Servando Barreiro canta a Rosalía. Un espectáculo baseado na vida e obra de Rosalía de Castro durante o cal os poemas de Rosalia son cantados entre paisaxes biográficas e declaracións sobre a súa condición de muller e escritora galega. O resultado é un conxunto ben equilibrado de cantigas alegres (con acordeón) e outras mais reflexivas e biográficas(acompañadas da guitarra) enfiadas con comentarios e pasaxes que destacan outros aspectos menos coñecidos mas non por iso menos importantes do seu pensamento.
Dirixido a todos os pùblicos.
As prazas cubriranse ata completar aforo. Será de balde.
Agardámosvos!
Quen é Servando Barreiro?
Músico de formación clásica e contador de historias. Debido ao seu crecente interese pola música tradicional galega, comeza a facer arranxos de melodías recollidas de diferentes cancioneiros galego-portugueses ou do contacto directo coa xente do rural en traballos de campo. Paralelamente, realiza composicións musicais con letras propias e de poetas clásicos e contemporáneos galegos. Froito deste traballo foi premiado no IV Festival Galego da Canción, que supuxo a gravación do seu primeiro disco compartido cos demais finalistas. Logo chegarían os traballos discográficos "O son da sega" (1996), "A dança do lume" (1999), "Som voltas" (2004) e, máis recentemente, o libro-cd baseado en contos de Anxo Moure: "Vicentinho e as árvores da paz" (2010). O libro-cd "A música das árbores" (Xerais, 2015), en coautoría con Anxo Moure, é a súa primeira obra en Xerais.