fbpx
Imprimir esta páxina
Mércores, 13 Outubro 2021 13:11

Espectáculo: Catro Monos

Espectáculo: Catro Monos

Este domingo 17 de outubro ás 19 h no Multiusos en Arcade o Concello de Soutomaior acolle este espectáculo dirixido a público infantil e familiar dentro do programa "Tornar ás táboas" que promove a Deputación de Pontevedra con fin de que o teatro retome a súa actividade nos escenarios dos auditorios, teatros e centros culturais da provincia. É unha chamada para volver ao lugar de orixe e de traballo, aos espazos de lecer e de emocións; supón un cambio de dirección e de mentalidade tras esta longa temporada de incerteza, coa finalidade de aviventar a cultura ao longo deste ano.

O espectáculo conta unha historia de hai moitos anos, no Lonxano Oriente, naceu un símbolo que viña do poder para reprimir ao pobo: os Tres Monos Sabios. Un mono non oía o que pasaba ao seu redor. Outro non quería ver o que tiña diante. E o último calaba a boca para non dicir todo o que pensaba.

A compañía Charlatada dálle a volta: Os nosos monos van escoitar, ver e falar. Van pensar, van actuar… e van ser catro!

Catro monos, catro historias. 

A auténtica historia do lagarto da saia da Carolina, que non era un, senón dous… e non se levaban moi ben. 

O conto do monstro da Amazonía que destruía a selva e aterrorizaba aos demais animais. 

A historia de catro mulleres que vivían nunha aldea e que conseguiron evitar que lles roubaran o seu peixe cantando e regueifando.

E a tola historia dun mono que quixo pintar as nubes cun “spray” para que non houbese máis tormentas… e, sen querer, cambiou a vida do resto dos monos.

Catro contos para falar de como nos relacionamos entre nós e co medio, para rir, para reflexionar, para cantar e para soñar con outro mundo posible.

 

Entrada de balde ata completar aforo.


Publicado en Cultura
Visto 434 veces