fbpx
Imprimir esta páxina
Xoves, 17 Xuño 2021 20:32

Encontros lingoreteiros: arte e lingua.

Encontros lingoreteiros: arte e lingua.

Soutomaior pon en marcha o programa “Encontros lingoreteiros: Arte e lingua” que consiste na realización de contacontos e obradoiros artísticos impartidos por Migallas Teatro dirixidos a nenos e nenas a partir de 5 anos acompañados/as dunha persoa adulta. A partir de 10 anos pode asistir sós/soas, nos cales combinaremos a narración oral baseada na vida de diferentes artistas de Galicia e a expresión plástica inspirada nas súas creacións.

O programa consta de 6 sesións durante as cales na primeira parte de cada unha realizarase unha breve e amena introdución de contacontos e narración oral sobre a vida e a obra do/da artista co apoio de imaxes das súas creacións máis representativas.  A continuación, desenvolverase un obradoiro de expresión plástica inspirado na obra da persoa protagonista, onde se utilizarán diversas técnicas.

O 2 de xullo ás 19 h no Peirao de Arcade tiraremos ao aire os nosos chapeus para darlle renda solta á imaxinación, igual que fixo Maruxa Mallo e traballaremos con ela a terra e o mar.

O 9 de xullo ás 19 h na Xunqueira de Arcade, Xulia Minguillón, a primeira muller que gañou  a medalla de ouro na  Exposición Nacional de Belas Artes, coa súa obra “A Escola de Doloriñas”, levaranos a falar das escolas de antes e presentaranos a súa cadela “Tila”.

O 16 de xullo ás 19 h en Veiguiña Longa Comboa, saberemos por que a Laxeiro lle chamaban o barbeiro pintor. Ilustraremos, coma el, a nosa vida.

O 23 de xullo ás 19 h no Peirao de Arcade xogaremos coas marabillosas cores dos cadros de Alex Vázquez.

O 30 de xullo ás 19 h no Peirao de Arcade mergullarémonos nas espirais dos cadros de Menchu Lamas e xogaremos coas súas sombras. Utilizaremos a técnica da impresión para crear as nosas obras.

E para finalizar o 6 de agosto ás 12 h en Talo Río, coñeceremos a historia de Daniel Castelao, un neno que quería ser artista e que, ademais de logralo, converteuse nun escritor e político fundamental na historia de Galicia. Gozaremos das súas obras e recrearemos as súas ilustracións.

A participación será de balde. As prazas son limitadas para garantir as medidas de prevención fronte á COVID-19 e cubriranse por orde de inscrición. IMPORTANTE: Haberá que inscribirse previamente EN LIÑA: https://www.gabinetesoutomaior.com/index.php/inscricions-menu/inscricions-en-lina

Este programa municipal impulsado pola Concellería de Cultura de Soutomaior encádranse dentro das accións de dinamización lingüística no ámbito local e financiadas pola Xunta de Galicia.


Publicado en Cultura
Visto 451 veces