fbpx
Imprimir esta páxina
Xoves, 03 Xuño 2021 18:19

Presentación do programa Pasiño a Pasiño: Soutomaior no Camiño.

Presentación do programa Pasiño a Pasiño: Soutomaior no Camiño.

O Concello de Soutomaior presenta o programa PASIÑO A PASIÑO, SOUTOMAIOR NO CAMIÑO". Unha proposta que mestura o cultural e o lúdico, na que se inclúen varias accións encamiñadas a poñer en valor os recursos estratéxicos do Camiño de Santiago,  a promoción de Galicia como destino cultural e o desenvolvemento dunha cultura participativa integradora e diversa.  Neste senso, o programa inclúe actividades artísticas, musicais, obradoiros de circo, cinema galego, actividades deportivas, de sensibilización e de coñecemento do medio , así como, de fomento de hábitos saudables.  

Todas elas no marco da programación de accións Xacobeo 2021-22 da Xunta de Galicia e que se presentaron esta semana en Soutomaior nun acto no que participaron o alcalde, Agustín Reguera e a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

 

Este programa que se desenvolverá ó longo dos meses de xuño, xullo e setembro en Soutomaior iníciase co Ciclo de Cinema galego que terá lugar  todos os sábados do mes de xuño e durante o cal proxectaremos  catro filmes que abordan temáticas diferentes, como son "O que arde", "Ons", "Illas das Mentiras" e, por último, "Cuñados".  

No mes de Xullo, o sábado 17 en horario de 19 a 22 h, levaremos a cabo a acción "O Camiño que nos orienta"  un gran xogo de orientación deportiva con contido cultural cun formato non competitivo que se centrará máis en pasalo ben e coñecer mellor o Camiño Portugués ao seu paso por Soutomaior. Durante o percorrido as persoas participantes atoparanse con moitas sorpresas, por exemplo, con personaxes históricos e peregrinos/as ilustres que os/as estarán agardando para contarlles anécdotas e darlles consellos que lles serán de utilidade para chegar ao final do xogo. Todas as probas que terán que ir superando para conseguir a acreditación serán deseñadas para traballar: o enxeño, as habilidades, a creatividade e o traballo en equipo. 

No mes de setembro, o sábado 4 ás 22 en Talo Río poderemos gozar da música de DEVACAS, onde as artistas reflexionan sobre a violencia e o machismo dun xeito moi ameno e divertido a través dunha música coa que pretenden evidenciar estereotipos e reducir os prexuízos cunha linguaxe actual contemporánea e sen complexos. Dirixida a todos os públicos cunha música e coreografía interactiva e moi desenfadada.

E, para concluír, durante o fin de semana do 11 e 12 de setembro chegará"CAMICIRCO, Festival de Circo no Camiño", un festival adicado ao mundo das artes circenses que será novidoso porque incluirá obradoiros e espectáculos moi diferentes dirixidos a todos os públicos cun cartel moi variado e sorprendente.

 


Publicado en Cultura
Visto 488 veces