fbpx
Imprimir esta páxina
Mércores, 30 Setembro 2015 13:12

Asemblea do Fondo Galego de Cooperación

Asemblea do Fondo Galego de Cooperación

O Alcalde do Concello de Soutomaior, Agustín Reguera , participou en Santiago de Compostela na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Soutomaior.

Na xuntanza, someteuse a aprobación a composición da nova Comisión Executiva, conformada por representantes de distintas administracións locais e provinciais. Péchase así o ciclo 2011-2015 e ábrese a lexislatura 2015-2019 da rede solidaria do municipalismo galego, polo que se trata dun encontro clave para incorporar a defensa dos Dereitos Humanos na axenda local.

Representantes dos 85 concellos e das dúas deputacións que fan parte do Fondo Galego foron chamados a participar na sesión, que arrincou co balance dos últimos catro anos, presentado pola presidenta en funcións, Teresa París. Votouse logo a renovación orgánica, para dar paso por último ao apartado de rogos e preguntas. Neste punto, expuxéronse as opinións ao respecto da actual crise migratoria e de persoas refuxiadas, que ademais servirán de guía para tomar futuras decisións neste senso. O Fondo Galego xa publicou unha declaración institucional arredor desta cuestión.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.


Publicado en Alcaldía
Visto 2906 veces