fbpx
Imprimir esta páxina
Venres, 07 Xullo 2023 13:13

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, continúa a rolda de reunións para buscar solucións á situación da fábrica da Pontesa Destacado

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, continúa a rolda de reunións para buscar solucións á situación da fábrica da Pontesa

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, segue a manter reunións con todas as administracións implicadas para buscar solucións o antes posible á situación da fábrica da Pontesa, que ardeu o pasado mes de novembro. Nove meses despois, os malos cheiros e as pragas de insectos e ratas seguen afectando ás 200 familias que viven na contorna da nave. Unhas incidencias constatadas pola Policía Local de Soutomaior nun informe realizado esta mesma semana. Ademais, os cheiros e as pragas están a ocasionar moitos problemas aos negocios de restauración e de hostalaría da zona, e afectan a espazos de lecer como as praias ou o paseo do Peirao de Arcade.

Das tres administracións coas que o alcalde de Soutomaior se puxo en contacto para buscar solucións, a primeira en responder e manter reunión co goberno foi o Concello de Pontevedra. Nesa reunión, que tivo lugar este luns, os representantes municipais de Pontevedra puxeron a disposición de Manu Lourenzo toda a documentación relacionada coa fábrica e co procedemento aberto tras o incendio, e mostráronse en disposición a colaborar en todo o necesario para solucionar canto antes os problemas da Pontesa que afectan á veciñanza. Este venres será a quenda da Dirección Xeral de Costas, que manterá unha xuntanza en Pontevedra co alcalde de Soutomaior.

Polo de agora, a única administración que non puxo data para un encontro co goberno de Soutomaior foi a Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, a pesar de que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), órgano que tamén depende da Xunta, leva nove meses sen responder aos requerimentos do Concello de Pontevedra, que desde novembro leva facendo un seguimento continuado da situación. Neste sentido, a pasada semana o goberno de Pontevedra trasladou tanto á Xunta como ao Estado a situación de insalubridade que se está producindo e volveu esixir unha solución. Dende a Delegación Territorial da Xunta alegan que están a buscar un oco na axenda para a reunión co alcalde de Soutomaior, sen que aínda confirmaran unha data.

Sobre esta rolda de reunións que está a manter coas administracións implicadas, Manu Lourenzo asegurou que “agora o prioritario é solucionar estes problemas de salubridade que as pragas e os cheiros da Pontesa lle están a ocasionar a 200 familias e multitude de negocios de sectores fundamentais para Soutomaior, como son o turismo e a hostalaría”. O alcalde sinalou que “serán as instancias xudiciais, no tempo e forma que estipulen, as que diriman as responsabilidades do ocorrido na Pontesa, pero agora o deber das administracións implicadas é resolver unha situación que leva nove meses afectando á veciñanza e negocios de Soutomaior”.


Publicado en Alcaldía
Visto 264 veces