fbpx
Imprimir esta páxina
Xoves, 29 Xuño 2023 09:25

O Concello de Soutomaior solicita unha reunión coa Dirección Xeral de Costas para atopar solucións á situación da Pontesa

O Concello de Soutomaior solicita unha reunión coa Dirección Xeral de Costas para atopar solucións á situación da Pontesa / Foto: Gustavo Santos (Faro de Vigo)

O Concello de Soutomaior vén de solicitar unha reunión coa Dirección Xeral de Costas para tratar de atopar solucións á situación derivada do incendio producido na Pontesa o pasado 6 de novembro, que tivo consecuencias fatais para un traballador. Dende entón, as consecuencias do lume na estrutura da fábrica e no material do seu interior están a provocar importantes problemas de insalubridade para a veciñanza da contorna.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, denunciou que "hoxe por hoxe temos toneladas de cereal podre ao lado das casas, o que impide que a veciñanza poida abrir as súas ventás polo cheiro pestilente e polas pragas de ratas, mosquitos e insectos derivadas desta insalubridade". "O tempo pasa e a veciñanza desespérase porque nin hai solucións nin horizonte no que se nos diga que vai acontecer con isto", engadiu Lourenzo, quen asegurou que esta situación "está a ter un impacto moi importante na vida da veciñanza e nos negocios".

O rexedor afirmou que "debemos estar á altura e traballar entre todos para rematar dunha vez por todas con esta situación". "Serán os órganos competentes os que depuren as responsabilidades sobre o acontecido, pero agora mesmo o urxente é atopar solucións para os problemas de insalubridade evidente que está a padecer a veciñanza. Solicitamos esta reunión con todo o espírito construtivo e con vontade de atopar entre todos solucións e non reproches cruzados", concluíu o alcalde de Soutomaior.


Publicado en Alcaldía
Visto 309 veces