fbpx
Imprimir esta páxina
Venres, 14 Abril 2023 14:46

Gran acordo para recuperar a ostra en Arcade

Gran acordo para recuperar a ostra en Arcade

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, mantivo hoxe un encontro coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, na que obtivo o compromiso da Xunta de iniciar unha acción de investigación para avanzar na rexeneración dos bancos de ostra plana da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade.

O rexedor, que asistiu á reunión acompañado polo patrón maior da confraría, Gonzalo Reinoso, trasladou a importancia de recuperar unha especie de recoñecido prestixio no concello e que nos últimos anos viu reducida a súa produción polo impacto de distintos factores.

A conselleira do Mar e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, mostraron o compromiso da Xunta coa recuperación deste recurso e aclararon que se vai promover unha acción de investigación a través da Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia (Redemar) para impulsar a rexeneración da ostra plana nos bancos adscritos á confraría local.

As representantes do Goberno autonómico detallaron que o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) vai facer un seguimento da poboación de ostra nos bancos do concello, especialmente na enseada de San Simón, para avaliar a súa situación ao tempo que se traballa na estabulación de reprodutores coa finalidade de multiplicar o número de individuos e repoboar os bancos naturais máis importantes.

O alcalde trasladou a súa colaboración á confraría de pescadores de Arcade para avanzar neste obxectivo e destacou a importancia de acadar a recuperación dunha especie que é un dos sinais de identidade do Concello e moi valorada tanto polos veciños como polos visitantes.

 


Publicado en Alcaldía
Visto 336 veces