fbpx
Imprimir esta páxina
Luns, 25 Abril 2022 09:58

Varias centenas de persoas acudiron á primeira Feira do Libro de Soutomaior

Varias centenas de persoas acudiron á primeira Feira do Libro de Soutomaior

Tras semanas anunciándoo, o pasado venres e sábado, a  veciñanza de Soutomaior por fin puido gozar da primeira Feira do Libro que se organiza no Concello. O evento, enfocado principalmente a ofrecer unha alternativa de lecer a todas as familias, contou cunha boa parte de animación infantil, aínda que tampouco faltaron as presentacións de libros enfocadas ao público adulto, como a de ‘En tempo de desconto’ (Galaxia) do escritor Xosé Ramón Pena, ou a charla sobre cómic impartida por Abraham Carreiro e Octavio Beares.

O evento foi todo un éxito. Todos os talleres programados ( ‘Crea ou  teu  xornal’; ‘Explora e experimenta’ e ‘Aprende a facer un cómic’) cubriron todas as súas prazas. Ademais, pola carpa que se instalou na Alameda de Talo Río para protexer aos visitantes da choiva, pasaron ao longo dos dous días de Feira varios centos de persoas. Entre elas o Secretario Xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Manuel Lorenzo, que chegou a Soutomaior para demostrar o apoio da Xunta ás iniciativas deste tipo que se teñen organizado no Concello.

Doutra banda, a mascota  ROTI ocupouse de manter á  cativada ocupada, cun pasaporte literario que os levou a percorrer todos os postos da feira en busca duns selos que máis tarde intercambiarían por papeletas para o sorteo final de premios. No devandito sorteo, preto de medio centenar de visitantes puideron levar a casa un kit con agasallos que incluía libros,  marcapáxinas e demais obsequios relacionados coa literatura.

Péchase así unha Feira do Libro na que se superaron todas as expectativas de asistencia, a pesar das fortes choivas que acompañaron durante as dúas xornadas. O resultado foi un evento no que, ademais, apostouse  polo talento local, dando prioridade aos veciños e veciñas que, dun ou outro modo, están relacionados co mundo da literatura.

Para o ano que vén espérase unha Feira do Libro aínda mellor, na que reparar os erros que puidesen xurdir nesta primeira edición froito da inexperiencia, e onde se repitan todos os éxitos logrados.


Publicado en Soutomaior de Libro
Visto 706 veces