fbpx
Imprimir esta páxina
Mércores, 24 Febreiro 2016 12:13

Visita ao Concello de escolares

Visita ao Concello de escolares

Os escolares do Concello de Soutomaior tiveron hoxe a oportunidade de exercer de concelleiros por un día.

A Casa do Concello transformouse nunha aula na que o alcalde, Agustín Reguera, actuou de profesor para ensinar aos nenos o funcionamento da institución municipal e coñecer de preto o traballo que se realiza a diario nestas dependencias.

Medio centenar de alumnos do terceiro curso de Primaria do Colexio Manuel Padín Truiteiro, sentados da mesma maneira que o fan os edís nos plenos, tiveron a oportunidade de transmitir persoalmente ao rexedor as súas preguntas e desexos. Tras expoñer as súas peticións e inquietudes, os alumnos escoitaron atentamente unha pequena explicación sobre algúns dos aspectos de interese do municipio de Soutomaior como a súa historia, o funcionamento do Concello ou o proceso electoral a través do cal se elixe o goberno municipal.

Unha exposición da que tomaron boa nota, xa que esta visita supón un complemento práctico ás clases teóricas que reciben no colexio sobre a utilidade e o funcionamento das institucións públicas.

Con motivo do día de Rosalía de Castro (24 de febreiro día do seu nacemento) o Alcalde e a continuación un grupo de alumnos foron lendo pequenos parágrafos da obra da escritora unha figura mítica que soubo plasmar os sentimentos de Galicia cunha poesía entendida, recitada e cantada.

Tras a charla e a lectura, os nenos recibiron un obsequio de material escolar como premio á súa atención. Un agasallo útil e que á vez lles servirá de recordo desta educativa xornada.

A visita finalizou cun pequeno percorrido polos despachos e dependencias municipais mentres o alcalde explicaba aos alumnos o traballo que se realiza en cada unha delas.


Publicado en Alcaldía
Visto 3300 veces