fbpx
Imprimir esta páxina
Venres, 29 Mai 2020 11:16

Ampliación de partidas para Servizos Sociais e Comercio Local

Ampliación de partidas para Servizos Sociais e Comercio Local

O Concello de Soutomaior recuperou onte a celebración dos seus plenos municipais, suspendidos durante a crise sanitaria, cun novo escenario para garantir a distancia de seguridade entre os edís, o pavillón municipal da Montesiña.

Como non podía ser doutra maneira, a Covid-19 centrou a maioría dos puntos do día entre os que destaca a aprobación dunha ampliación das partidas destinadas aos Servizos Sociais e ao Apoio ao comercio local por un importe de 30.000 e 20.000 euros respectivamente.

A ampliación destas partidas é unha das medidas que o goberno municipal está a tomar para facer fronte á recuperación económica derivada da crise sanitaria. Nestes momentos hai moitas familias nunha situación moi delicada, sen traballo e cuns ingresos mínimos ou mesmo nulos. Por iso os Servizos Sociais contarán cos recursos necesarios para atender a todos os veciños que poidan necesitar axuda de calquera tipo.

Do mesmo xeito, o aumento de 20.000 euros na partida para o apoio ao comercio local está destinado, parcialmente, ao financiamento da nova plataforma de comercio electrónico local que o consistorio acaba de poñer en marcha e á que xa se adheriron máis de 30 comerciantes do municipio.

Ademais aprobouse por unanimidade a proposta de solicitar a varios organismos diversas accións para a facilitar a recuperación da economía local tras a crise. Así, á Xunta de Galicia solicitaráselle un plan galego de reactivación económica acordado con todas as administracións e un plan de axudas para PEMES e autónomos que complemente as estatais. Ademais, solicitarase ao goberno de España a flexibilización das regras que permiten aos Concellos utilizar os seus remanentes de tesourería.


 


Publicado en Alcaldía
Visto 839 veces