fbpx
Imprimir esta páxina
Mércores, 21 Outubro 2015 10:54

Seguridade Viaria

Seguridade Viaria

O CONCELLO DE SOUTOMAIOR CONCRETA MEDIDAS PARA MELLORAR A SEGURIDADE VIARIA NO CENTRO DE ARCADE

O alcalde, Agustín Reguera, reuniuse co Xefe provincial do Servizo de Infraestruturas da Xunta, Fausto Nuñez, para concretar varias propostas.

A seguridade viaria en Arcade é unha das grandes preocupacións do goberno local de Soutomaior. Para tratar posibles solucións a este tema, o alcalde, Agustín Reguera, reuniuse esta pasada semana co xefe provincial do Servizo de Infraestruturas da Xunta, Fausto Nuñez.

O encontro tiña como obxectivo concretar a construción de varias infraestruturas que incrementen a seguridade de vehículos e peóns, como unha rotonda no cruze de Cochón, varios pasos de peóns elevados e a reforma na pasarela da Montesiña.

O primeiro tema tratado no encontro foi a instalación de catro novos pasos de peóns elevados en dous das vías principais de Arcade, Xose Solla e Calvario. Estes novos pasos de peóns pretenden reducir a velocidade do tráfico rodado en zonas especialmente sensibles como os arredores das paradas dun autobús escolar ou cruces conflitivos. En concreto instalaranse dous pasos elevados na Rúa Calvario e outros dous na Avenida Xosé Solla.

O seguinte tema a tratar na reunión co representante da Xunta era a construción dunha rotonda na intersección entre as rúas Cochón, Xosé Solla e Calvario. Unha medida que ten como obxectivo organizar o tráfico rodado de maneira eficiente e moderar a velocidade dos vehículos neste punto. A proposta foi ben recibida por Nuñez, que se comprometeu a estudala en profundidade ademais de aproveitar o encontro para concretar as actuacións necesarias por parte do Concello para facilitar a futura realización da mellora, como son a reorganización de postes, cableado eléctrico e outros servizos no contorno do cruze.

A última reivindicación que presentou o alcalde de Soutomaior foi a do arranxo e reforma da pasarela de madeira da Montesiña. Unha solicitude que xa foi presentada por escrito hai uns meses e que o rexedor local lembrou novamente. Nuñez, pola súa banda, comprometeuse a realizar un arranxo inmediato que evite a degradación da infraestrutura e unha reforma completa da mesma nun futuro próximo.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, cualificou o encontro como “moi positivo xa que responde as solicitudes de moitos veciños ademais de reforzar as nosas actuacións nun tema de vital importancia como é a seguridade de vehículos e peóns”.

Este encontro súmase aos realizados anteriormente polo goberno local de Soutomaior en busca de melloras para a seguridade viaria, como a reunión no Ministerio de Fomento para concretar unha nova rotonda na entrada de Arcade ou o encontro coa conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, para solicitar melloras viarias e financiamento para a rede de saneamento de Soutomaior.


Publicado en Alcaldía
Visto 3159 veces