Mércores, 11 Xaneiro 2017 13:50

Escola Municipal de Horta Urbana Ecolóxica. Curso de iniciación

O proxecto  de Escola Municipal de Horta Urbana Ecolóxica é unha proposta que parte das Concellerías de Educación e de Medio Ambiente coa finalidade de por en marcha unha horta municipal en Arcade cun carácter formativo, de esparcemento, de sensibilización ambiental e de consumo responsable.

Dixirido a para persoas que buscan unha formación en relación coas necesidades e os recursos do sitio onde viven, de xeito que  dependan o menos posible dos recursos externos. O aproveitamento de recursos naturais presentes no noso medio a partir de "recursos custo cero" como poden ser o acceso a terras sen cultivar e fomentar actividades de desenvolvemento no sector da agricultura ecolóxica e transformación en produtos elaborados, reciclaxe de residuos, ecoagroturismo e outros parécenos unha alternativa moi interesante para darlle un valor engadido. Permitindo isto que se coide o territorio e se conserve a nosa identidade e cultura, dun xeito sostible tanto económica, coma socialmente.

 

A quen vai dirixido

Persoas que queiran aprender e experimentar a opción de cultivar e obter hortalizas ecolóxicas sen impacto no medio así como consumir produtos máis sans. Familias que queiran a través do contacto coa terra e a natureza educar tomando conciencia dos ritmos biolóxicos das persoas.

 

Para poder acceder á solicitude do uso da horta/parcela débense cumprir os seguintes requisitos:

  1. Ser veciño/a de Soutomaior, figurando inscrito/a no Padrón Municipal de habitantes.
  2. Estar fisicamente capacitado/a para realizar o traballo agrícola.
  3. Ser maior de idade ou vir acompañado dunha persoa que teña titularidade da horta/parcela previa autorización.
  4. Realizar e rematar con éxito o curso de iniciación á horta municipal ecolóxica convocado polo Concello de Soutomaior.
  5. Estar ao corrente no pago das súas obrigacións tributarias co Concello de Soutomaior.

 

Nota: Unha vez finalizado o curso cederase temporalmente ás persoas que realizaron o curso o uso das parcelas que estiveron cultivando para que poidan seguir co traballo iniciado ata o mes de agosto baixo a supervisión do Concello ata que se recolla a colleita. Durante este proceso a profesora do curso realizará titorías para asesorar e resolver dúbidas que vaian xurdindo e o Concello velará polo bo funcionamento do proxecto aplicando a ordenanza municipal para que se respeten as normas e fins do proxecto de horta/escola.

 

Obxectivos do curso:

Potenciar o cultivo e consumo de produtos de proximidade, ecolóxicos, de temporada mediante técnicas respectuosas co medio ambiente. Fomentar hábitos alimenticios saudables. Dar a coñecer a cultura rural tradicional da zona. Fomentar o respecto pola terra e pola vida.Concienciación sobre a nosa aptitude cara ao medio ambiente. Implicación, responsabilidade e compromiso na xestión da horta.Fomentar o traballo en grupo, a planificación das actividades e labores da horta.

 

Contidos

Deseño e preparación de bancais para cultivo partindo dun terreo baldío. Laboreo. Acolchado. Definición de horta de tempada. Asociacións e rotacións de cultivos. Introdución de aromáticas. Recoñecemento de pragas.Tratamento de pragas. Insecticidas e funxicidas ecolóxicos. Elaboración de compost equilibrados. Realización dun compostoiro. Elaboración de outros abonos e lombricompost.

 

Metodoloxía

A metodoloxía que se empregará será eminentemente práctica e participativa. Mediante a creación dun ambiente de cooperación, acción que leven ao alumnado ao recoñecemento da infinidade de posibilidades que ofrece a agricultura ecolóxica.

A proposta formativa baséase no modelo da investigación-acción participativa, o cal é moi diferente aos modelos formativos convencionais. Con esta metodoloxía, teoría e práctica van unidas, volvendo en forma de espiral dende a práctica á teoría para reformular os contidos e avaliar cada parte do proceso de aprendizaxe, que se converte nunha aprendizaxe viva cun claro sentido práctico para a súa aplicación a nivel particular ou comunal: neste caso no cultivo dunha parcela dentro da horta municipal.

 

  • Duración do curso: 20 horas
  • Datas e horarios das sesións presenciais do curso: 11,18 DE FEBREIRO e 11,18,25 de MARZO de 10:00 a 14:00 h.
  • Custe: o curso ten un custe cero aínda que no momento da inscrición haberá que pagar unha fianza de 10€/ persoa que se devolverá cando se remate o curso con éxito e exista un compromiso real de continuar coa parcela/horta.
  • Prazo de inscrición: ata o 1 de febreiro ou ata cubrir prazas (18). O curso realizarase si hai un mínimo de persoas inscritas.

 


Visto 1253 veces