Luns, 23 Xaneiro 2017 10:18

Obras de mellora de seguridade viaria

O Ministerio de Fomento acaba de terminar os traballos de mellora no acceso ao núcleo de Arcade. Unha actuación solicitada polo propio Concello que ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria da entrada a Arcade e o contorno do Centro de Saúde, un punto moi transitado xa que coincide co Camiño de Santiago. En total instaláronse máis de 200 metros de beirarrúas novas ademais de diversas melloras en iluminación, sinalización e asfaltado.

A actuación consistía en mellorar varios aspectos que inflúen na seguridade viaria do contorno. En primeiro lugar, abordouse o problema da iluminación de con a instalación e substitución de máis de 20 báculos de sustentación coas súas correspondentes luminarias. Por outra banda, para mellorar a seguridade dos peóns, instaláronse máis de 200 metros lineais de beirarrúas, de metro e medio de anchura media, en ambos os sentidos da calzada. 150 na beirarrúa este e 70 na oeste e máis próxima ao Centro de Saúde.

Ademais, volvéronse a asfaltar varios tramos da N-550 e renovouse toda a sinalización horizontal da zona con novas marcas viarias, incluíndo a mediana central do acceso a Arcade, pintada en dúas cores para aumentar a súa incidencia nos condutores.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, expresou a súa satisfacción polos resultados duns traballos que cualificou como “moi necesarios nun dos puntos negros do tráfico no noso Concello e que melloran a seguridade de vehículos e peóns”.


Publicado en Vias e Obras
Visto 681 veces